No aspecto turístico, destacar:
O itinerario do Camiño de Santiago, que dentro da ruta xacobea do Norte atravesa o termo municipal de Leste a Oeste, entra, procedente de Asturias, pola parroquia de Ría de Abres a través da ponte sobre o río Eo, para seguir polas de Sante e Trabada e continuar no Alto da Cadeira en dirección a Lourenzá. Perfectamente sinalizado, a súa infraestructura complementarase en breve cun albergue pendente de construir a carón do Camiño no lugar de Pedrido.
As rutas de sendeirismo recentemente creadas e homologadas pola Federación Galega de Montañismo, permiten ó visitante acercarse e admirar a riqueza paisaxística, a flora e a fauna propia dos bosques autóctonos, apoiándose na sinalización dos percorridos e na información gráfica dispoñible.
A caza maior nos nosos bosques e a pesca do salmón, reo e troita en ríos coma o Eo, resulta ser unha moi acertada opción para o afeccionado a estes deportes de natureza.
Áreas recreativas coma a da "Choza" en Ría de Abres, co seu observatorio de aves e embarcadeiro, "Fraga de Belosiña", "Camiño de Santiago", "Chao do Couso" ou "A Cadeira", constitúen unha oferta lúdica e de descanso axeitada.
|